O segundo número de Machina, na rúa

Xa temos na rúa o segundo número da revista Machina, unha publicación da Concellería de Igualdade do Concello de Ferrol que nos quere achegar a realidade das mulleres da cidade -tamén de máis alá- e coa que loxicamente, como mulleres que somos, nos sentimos especialmente implicadas.

A presentación tivo lugar este mediodía na sede da Casa da Muller da rúa Lugo e contou co aliciente engadido de sentar na mesma mesa a tres das protagonistas deste segundo número.

Luz Castro, á que adicamos a portada e que é todo un referente no mundo das novas tecnoloxías, desprazouse desde Santiago para non perder a oportunidade de fortalecer coa súa presenza esa rede de complicidade que se quere tecer entre as mulleres ferrolás, e para explicar o difícil camiño que hai que percorrer cando se elixe unha profesión tan masculinizada como a súa .

Carmen Fernández, todo un símbolo do deporte na cidade, quixo poñer tamén voz ao que xa conta por escrito na revista: a desigualdade de trato á que a miúdo se enfrontan as deportistas cando buscan patrocinadores, aínda que transmitiu unha mensaxe de optimismo e esperanza en todos os campos, non só no deportivo, para as que veñen detrás.

E a nena Manuela López, premiada nun certame de ámbito estatal por un vídeo no que tenta concienciar sobre a importancia de coidar os océanos para garantir o futuro, non desaproveitou a ocasión de insistir nesa idea que, a bo seguro, seguirá a medrar con ela.

A todas agradeceu a concelleira Saínza Ruiz a súa implicación e colaboración e nós, desde aquí, tamén queremos destacar o seu esforzo -e o das outras protagonistas da revista- para visibilizar o traballo das mulleres, calado en demasiadas ocasións. Ao tempo, imos «maquinando», no bo sentido, quen asomará ás páxinas do terceiro número de Machina.

Post by pingota

Comments are closed.