Ferrol, unha oportunidade para o turismo de congresos

Portada dossier turismo de congresos

Portada do traballo sobre Turismo de Congresos

Un novo traballo realizado por Pingota Comunicación, neste caso en formato dixital e para promocionar o Turismo de Congresos en Ferrol, está a disposición das persoas interesadas en dous enlaces na páxina web do Concello, e pódese consultar e descargar en galego e en castelán e inglés. Trátase dun dossier elaborado por encargo da Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol que ten como obxectivo abrir o abano de posibilidades da cidade en materia turística cara ao turismo de reunións.

No informe incluímos dez espazos -de titularidade pública e privada- que están perfectamente habilitados para este tipo de encontros, sexan de participación reducida ou máis numerosos, incluíndo as características e recursos de cada un deles así como as tarifas e a súa localización nun mapa de rúas.

Os organizadores de congresos ou encontros empresariais teñen neste dossier información detallada de como chegar a Ferrol e de onde recorrer para solicitar servizos complementarios como azafatas, aluguer de coches ou autobuses, xestión de viaxes, catering, traducións, guías turísticos ou equipos audiovisuais, entre outros, xunto cos principais aloxamentos da cidade.

E loxicamente tamén se recollen os moitos lugares de interese para visitar, cunha explicación polo miúdo, e as posibilidades de gozar do turismo activo e gastronómico que ofrece Ferrol.

Agardamos que este traballo contribúa a aumentar a relevancia da cidade no mapa do turismo de congresos, xa que ten demostrado que reúne todos os requisitos para facer dunha estadía curta, como adoitan ser este tipo de reunións, unha experiencia moi enriquecedora.

Post by pingota

Comments are closed.