Un Nadal con moita música para Mugardos

A nosa axencia Pingota Comunicación ocupouse este ano do deseño do cartel das actividades de Nadal en Mugardos, así como da maquetación do folleto de man no que están detalladas as múltiples propostas que o goberno local organizou, nalgúns casos coa colaboración de diferentes entidades da vila, para ofrecer alternativas culturais e de ocio a toda a cidadanía. A música ten un especial protagonismo no programa, polo que o tema central do cartel é unha árbore construída cun pentagrama e notas que ascenden ata a estrela situada na copa.

No cartel, con fondo de cor vermella, aparecen os actos máis destacables do Nadal. Entre eles varias «sesións vemú» que animarán as rúas da vila. O Coro Encaixe actuará este sábado, véspera de Noiteboa; Mr Cool tocará o día 30, a piques de despedir o ano 2017, e O Fondo do Peto amenizará a festa de San Xiao.

O cartel conta tamén cunha sección de «Nadal e máis» na que aparecen xogos para a cativada, obradoiros na OMIX, actividades no Local Social de Maiores, propostas no eido do deporte e o calendario do Complexo Acuático do Castro, cunha oferta orientada para toda a familia.

Ao final do folleto están as actividades do Centro de Interpretación do Caldoval. O museo abrirá todos os días con visitas guiadas e estreará unha proposta moi especial para as familias. Trátase dunha «Busca do Tesouro» que poderá realizarse sempre ata media hora antes do peche. Animádevos e ide a gozar do Nadal en Mugardos!

Folleto

Podedes consultar o programa de man completo no seguinte enlace da web do Concello de Mugardos: premede aquí

Mugardos

Post by pingota

Comments are closed.