I Día dos Medios en Galego
Hoxe celébrase por primeira vez o Día dos Medios en Galego, unha data instituída por AMEGA que acadou o apoio institucional e que ten como obxectivo, precisamente, promover os medios en galego e axudar ao seu desenvolvemento. Nas vésperas deste día, o pasado sábado, celebrouse no local da Liga de Amigos de Barallobre a I Gala dos Medios en Galego e Pingota Comunicación estivo alí para se encargar da comunicación da xornada.
O presidente de AMEGA, Henrique Sanfiz, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García destacaron no acto a importancia de fixar no calendario esta data, que conmemora a saída á rúa da publicación periódica «O tío Marcos da Portela», editado por Valentín Lamas Carbajal en Ourense no ano 1876. Confiaron ademais en que haberá «un antes e un despois» -dixo Sanfiz- para os medios que empregan o galego a partir de agora.
Representantes de todos os grupos políticos con representación no Parlamento Galego, dos medios que forman parte de AMEGA e doutras entidades e institucións como as Fundacións Rosalía de Castro e Otero Pedrayo, a Facultade de Ciencias da Comunicación ou A Mesa pola Normalización Lingüística, trasladaron o seu apoio a esta xornada e aos xornalistas que utilizan o noso idioma para tansmitir a información.
Últimos artículos