O Concello de Ortigueira encarga a Pingota o gabinete de prensa
O Concello de Ortigueira vén de confiar a Pingota Comunicación a xestión do gabinete de prensa municipal, un labor do que a empresa se ocupará durante o vindeiro ano. A axencia comezou xa este ilusionante traballo, co que queremos cumprir co obxectivo de facer chegar toda a información que se xenera neste concello da comarca de Ortegal tanto aos seus residentes como aos do resto da zona.
Ortigueira ten 6.000 habitantes, é o municipio máis poboado da comarca do Ortegal e un referente turístico e económico de primeiro orde. Nesta vila inzada de edificios señoriais celébrase cada ano o Festival Celta, un evento internacional que desde hai 40 anos convirte a Ortigueira no epicentro da música de raíces celtas. Os seus acantilados -e o xa famosísimo banco-, a súa riqueza arqueolóxica, a ría e unhas paisaxes de mar e montaña únicos, xunto á bagaxe cultural e política da vila fan de Ortigueira un municipio cunha traxectoria histórica envexable e un futuro sen dúbida brillante, no que tamén xoga un importante papel a aposta empresarial do Concello.
Achegar o Concello de Ortigueira aos medios
Pingota Comunicación ten por diante a tarefa de trasladar todo este traballo que se desenvolve no día a día da institución municipal aos medios de comunicación para que teñan toda a información ao seu alcance e poidan transmitila ao seu público. Contamos coa súa colaboración para que esta chegue aos veciños e veciñas así como ao resto das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, de xeito que un municipio que xa é recoñecido como un referente túristico poida selo tamén polo resto da inxente actividade que nel se leva a cabo.
Agradecemos ao Concello de Ortigueira que contase con Pingota Comunicación para levar a cabo este importante labor, ao que adicaremos, como sempre, todo o noso esforzo.
Últimos artículos