
Bases X Certame de Tapas de Entroido de Narón
X CONCURSO DE TAPAS DE ENTROIDO DE NARÓN
O Concello de Narón organiza, a través da Concellería de Promoción Económica, unha nova edición do Concurso de Tapas de Entroido coa finalidade de dinamizar o sector e poñer en valor a calidade e bo facer dos establecementos hostaleiros da localidade.
O certame desenvolverase entre o 27 de febreiro e o 6 de marzo de 2025.
INSCRICIÓNS E CONDICIÓNS
‐Poderán participar no concurso todos aqueles locais de hostalería situados no termo municipal de Narón.
‐Deberán formalizar a súa inscrición, para tal fin, ata o 23 de febreiro ás 00:00, enviando os seus datos ao correo electrónico tapasnaron@gmail.com ou enviando un whatsapp ao número de teléfono 629 856 516. Os datos que é preciso aportar son:
.Nome do local e dirección
.Nome e número de teléfono da persoa de contacto
.Nome da tapa
.Ingredientes (indicando alérxenos)
.Horario de apertura
Os establecementos participantes estarán en disposición de servir ao público a súa tapa entre o 27 de febreiro e o 6 de marzo no seguinte horario: de 12.30 a 14.30 e de 20.00 a 22.00h (respectando as súas horas e días habituais de libranza, que se especificarán na información sobre o certame).
O prezo de venda ao público da tapa será de 3€, sen incluír a bebida.
PARTICIPACIÓN DOS ESTABLECEMENTOS
Cada establecemento poderá presentar unha única tapa ao concurso, que pode ser doce ou salgada, elaborada con produtos típicos galegos desta época.
Todos os establecementos participantes recibirán dous carteis do concurso en tamaño A3, nos que figurará un código QR co mapa dos locais inscritos no certame e que deberán colocar nun lugar visible e destacado. Tamén se lles entregarán 10 carteis A5 con peana nos que irá impreso outro QR específico para cada establecemento a través do cal se emitirá a votación, a fin de que estean distribuídos polo establecemento.
PREMIOS
Para os establecementos, haberá dous premios en metálico:
‐Premio do xurado profesional dotado con 500€+chaqueta de chef serigrafiada co nome do certame+ placa conmemorativa.
‐Premio do xurado popular dotado con 500€+chaqueta de chef serigrafiada co nome do certame+ placa conmemorativa.
Entre o público que emita o seu voto sortearanse tamén tres ceas para dúas persoas por valor de 100€ cada unha delas nalgún dos establecementos participantes no certame. O prazo máximo para desfrutar da cea (cuxa data deberá acordarse co establecemento) remata o 11 de abril.
XURADO E VOTACIÓN
O concurso contará con un xurado popular, que serán todas as persoas maiores de idade que degusten as tapas e queiran votar. Os carteis A5 que estarán dispoñibles en cada establecemento contarán cun código QR para que os clientes que o desexen poidan acceder a un sinxelo formulario no que valorarán o petisco dándolle entre un e cinco puntos. No mesmo formulario deberán incluír nome e número de teléfono, exclusivamente a efectos da súa participación no sorteo de premios. Desde cada local unicamente se poderá acceder ao formulario para votar esa tapa.
O premio do xurado popular decidirase a través da media das valoracións de cada tapa (puntuación total de cada unha delas entre número de persoas que votaron), tendo en conta que cada persoa, que quedará rexistrada no formulario, só poderá emitir un voto por local participante. Para poder entrar no concurso, os locais deberán ter un mínimo de 20 persoas votantes.
Ademais, o concurso de tapas de Entroido de Narón contará cun xurado profesional, formado por tres profesionais de recoñecido prestixio e experiencia no mundo da hostalería, do xornalismo gastronómico, bloggers e/ou entidades relacionadas co mundo da gastronomía.
Organizarase unha cata nun espazo coas condicións axeitadas, ao que os hostaleiros deberán acudir coas súas tapas no día e hora establecidas.
O xurado degustará as tapas e outorgaralles de 1 a 5 puntos aos seguintes aspectos: presentación
/ sabor e aroma / elaboración e técnica / emprego de produtos de tempada.
O premio do xurado será para a tapa con máis puntos. Porén, en caso de empate, priorizarase aquela que obtivera maior puntuación en canto ao emprego de produtos de tempada. En caso de persistir o debate, o xurado deberá deliberar e decidir. O resultado farase constar nunha acta que se gardará en sobre pechado ata a finalización do concurso.
O público entrará no sorteo de tres ceas, valoradas cada unha delas en 100€, a celebrar no establecemento que elixan entre os que participen no certame. Para realizar o sorteo outorgarase un número a cada persoa das que emitiron o voto e utilizarase unha aplicación online para decidir o gañador. Para que os votos sexan válidos e poder entrar no sorteo, cada persoa terá que ter emitidos un mínimo de 4 votos para outros tantos establecementos. Os establecementos nos que se realizarán as ceas deberán ser diferentes entre si e serán elixidos polos premiados. Se coincidisen nalgún local farase un sorteo para decidir quen ten que escoller outro establecemento.
O Concello de Narón dará a coñecer os premios nun acto público e fixará a data de entrega.
PROTECCIÓN DE DATOS
Os datos persoais facilitados a través dos formularios online de votación non serán utilizados para outros fins distintos aos propios do concurso, en cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal. Todos os datos de contacto dos clientes participantes no sorteo, así como os contidos nas fichas de inscrición dos locais participantes, serán destruídos despois do evento.
A organización poderá facer un seguimento e reportaxe gráfica do desenvolvemento do concurso, podendo utilizar ditas imaxes para fins divulgativos e publicitarios. O participante ‐ cliente e establecemento‐ polo feito de selo, coñece e consinte o uso dos seus datos persoais e a súa imaxe para os fins especificados.
O responsable do tratamento dos seus datos é Pingota Comunicación S. Coop. Galega – con domicilio en Ferrol, Rúa Galiano, 24 4º. 15402 Ferrol. NIF F-70467097- que os recolle unicamente con fins de funcionamento da campaña e para a realización dos sorteos.
A información persoal consérvase de forma segura e trátase co máximo coidado. De conformidade co establecido na normativa aplicable en materia de protección de datos, cada participante, coa cumprimentación dalgunha papeleta, manifesta expresamente a aceptación das Bases Legais e consinte que os datos persoais facilitados para a participación nesta Campaña poidan ser incorporados a un ficheiro titularidade de Pingota Comunicación S. Coop. Galega para tramitar a participación na campaña e para comunicarlle o premio no caso de que resultase gañador.
Os datos persoais de contacto serán utilizados exclusivamente para as seguintes finalidades: dar a coñecer aos gañadores e facilitar a súa participación na Campaña.
Os participantes garanten que os datos persoais facilitados son veraces e fanse responsables de comunicar a Pingota Comunicación S. Coop. Galega calquera modificación dos mesmos. Pingota Comunicación S. Coop. Galega resérvase o dereito a excluír da presente promoción a todo participante que facilite datos falsos. Recoméndase ter a máxima dilixencia en materia de Protección de Datos mediante a utilización de ferramentas de seguridade, non podéndose responsabilizar a Pingota Comunicación de substraccións, modificacións ou perdas de datos ilícitas.
Os participantes teñen dereito a (I) acceder aos seus datos persoais, así como a (II) solicitar a rectificación dos datos inexactos ou, no seu caso, solicitar a súa supresión, (III) solicitar a limitación do tratamento dos seus datos, (*IV) oporse ao tratamento dos seus datos e (V) solicitar a súa portabilidade. Os participantes poden exercer todos estes dereitos na seguinte dirección de email: pingota@pingota.com, indicando o motivo da súa petición e aportando algún documento que garanta a súa identificación.
Sen prexuízo de calquera outro recurso administrativo ou acción xudicial, o participante terá dereito a presentar unha reclamación ante unha Autoridade de Control, en particular no Estado membro no que teña a súa residencia habitual, lugar de traballo ou lugar da suposta infracción, no caso de que considere que o tratamento dos seus datos persoais non é axeitado á normativa, así como no caso de non ver satisfeito o exercicio dos seus dereitos.
A Autoridade de Control ante a que se presentou a reclamación informará ao reclamante sobre o curso e o resultado da reclamación.
ACEPTACIÓN DAS BASES
A participación no certame leva implícita a aceptación destas bases.
Últimos artículos