25-N, nin negar nin esquecer

No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres a nosa voz é máis reivindicativa que nunca.  Respecto. Educación. Empatía. Apoio. Igualdade. Son tantas as cousas imprescindibles para rematar con ela!

Desde Pingota Comunicación hoxe queremos destacar algunhas desas reivindicacións, ás que lles puxemos imaxe para o Concello de Mugardos e o de Ferrol. En Mugardos a mensaxe que se quixo transmitir vai especialmente dirixida a toda esa xente que -aínda cos arrapiantes datos que coñecemos- continúa a negar a existencia da violencia de xénero. Aquelas persoas que non ven, ou non queren ver, o machismo que está detrás non só dos crimes de sangue senón de actitudes que sen chegar a ese extremo amosan tamén o exercicio da violencia. Se ese machismo non se recoñece estase a negar, e polo tanto a invisibilizar, ás vítimas, e por iso o lema escollido foi «Se negas a violencia machista, elas vólvense invisibles».

Tamén  no  Concello  de  Ferrol  puxeron o foco  nas  vítimas,  neste  caso  recollendo  os  nomes  dalgunhas  delas  xunto  ao  lema  «Non  deas  a esquecemento».  Pero  a parte na que se fixo máis fincapé foi a didáctica,  a través da recompilación de diferentes frase coas que desmontar o mito de que os comportamentos posesivos ou de control teñen algo que ver co amor. Ferroláns e ferrolás de diferentes idades, colectivos e profesións prestaron a súa voz para transmitir máis dunha vintena de mensaxes claras e directas para concienciar á sociedade da importancia de non tolerar as actitudes machistas.

Convidámosvos a ver os tres vídeos que fixemos con eses veciños e veciñas comprometidos co 25-N, aos que agradecemos moitísimo a súa colaboración.

Cristina, Emilio, Blanca, Laura, Mari Carmen, Maxi, Anita e Ramón.

Victoria, Manuela, Carlos, Lucas, Azucena, Loli, Iago e María José.

Rosana, Raúl, Zaira, Sandra, Marita, Álvaro, Rosa e Jesús.

Post by pingota

Comments are closed.