Un boletín informativo para Cedeira

Captura

O Concello de Cedeira quere ter liña directa cos veciños e con este propósito vén de se dotar dunha útil ferramenta: un boletín informativo que sairá á rúa cada mes e medio e que ten por nome As7parroquias. Os cedeireses teñen xa nas súas mans o primeiro número da publicación, da que se editaron 1.500 exemplares en papel e que pode consultarse tamén na web municipal -www.cedeira.gal- e na de Pingota Comunicación (neste enlace As 7 parroquias).

O goberno municipal encomendou á nosa empresa a elaboración dos contidos da revista partindo da premisa de practicar a transparencia da que queren facer bandeira. Así, o obxectivo é ter permanentemente informada á veciñanza do traballo que se desenvolve no Concello e das novas que se xeran na institución municipal, aínda que estas non serán as únicas cuestións que terán cabida na publicación. Á actualidade do Consistorio sumaranse outras iniciativas nas que este participa pero tamén informacións sobre a actividade en Cedeira á marxe do Concello. Deste xeito, a última páxina do boletín informativo reservarase en cada número para unha entidade que desenvolva o seu labor na localidade. A sección leva por título Vila Viva e quere contribuír a espallar o traballo, en ocasións calado, destas asociacións e tamén axudar a crear comunidade entre os veciños.

As7parroquias xurde coa idea de ser un mecanismo para que todos os cedeireses saiban en que traballa o goberno e que resultados obtén. A súa finalidade é render contas e permitir que a veciñanza dispoña de toda a información do que acontece no Concello.

Neste primeiro número, a portada adicouse a un dos temas que máis preocupan na vila: o saneamento. Infórmase, neste sentido, das xestións que o goberno fixo ante a Xunta para a construción dun novo tanque de tormentas. Pero ademais tócanse outros temas como os presupostos, as obras que se van acometer, as contas das festas, o I Peixe Rock, a Festa do Deporte e a colaboración do Concello con outras entidades e institucións. A sección Vila Viva estréase cunha reportaxe sobre a Asociación de Maiores de Cedeira.

Post by pingota

Comments are closed.