Editamos a revista da Confederación de Empresarios de Ferrol

A Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer) apostou pola axencia Pingota Comunicación para elaborar unha revista-memoria que resume os logros e as liñas de actuación da entidade no pasado ano 2016. A publicación, de vintecatro páxinas a toda cor, serve non só para esa finalidade, senon tamén como un instrumento de promoción das potencialidades do territorio para acoller novos proxectos empresariais, algo que se destaca na súa portada co titular “Espazo para a iniciativa”.

portada-revista-cofer portada-revista-coferPingota Comunicación asumiu o reto de desenvolver o deseño e os contidos da nova publicación nun tempo moi breve, para chegar a tempo e que Cofer puidera levala consigo ao acto celebrado en Barcelona o pasado día 16 de decembro, na Asociación de Empresarios Galegos de Cataluña (AEGA-CAT), onde o presidente da entidade, Cristóbal Dobarro, e outros representantes daorganización empresarial e de diferentes institucións como o Concello de Ferrol, a Autoridade Portuaria ou o Igape, presentaron as vantaxes que ofrece o territorio para o investimento.

A Deputación da Coruña financia a revista da Confederación de Empresarios, na que Cristóbal Dobarro fala da oportunidade que teñen as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal para desenvolverse economicamente nunha entrevista na que tamén repasa as principais liñas de actuación da súa directiva.

A publicación recolle información dos numerosos servizos que ofrece Cofer ao empresariado, entre eles o Centro de Negocios, que actualmente ten plena ocupación; dos programas formativos, os convenios e accións de colaboración co tecido asociativo da zona…

Tamén inclúe a revista da Confederación de Empresarios unha reportaxe sobre unha plataforma web que en breve porá en marcha a entidade para dinamizar o mercado de traballo nas tres comarcas, e outras sobre o carácter industrial da zona, sobre o valor loxístico e o potencial dos recursos humanos que hai en Ferrolterra.

Pingota Comunicación agradece a confianza de Cofer e a colaboración do seu personal, que fixo posible sacar a tempo esta revista. A publicación pódese consultar e descargar na web de Cofer, a través deste enlace.

Post by pingota

Comments are closed.