Mulleres construíndo Ferrol: Machina

Portada do primeiro número da revista Machina

Portada do primeiro número da revista Machina

Con este suxestivo título, que lembra as grandes grúas dos estaleiros e, por comparación, ás mulleres que co seu traballo fixeron e fan grande unha cidade, nace en Ferrol a revista Machina. Trátase dunha iniciativa da Concellería de Igualdade, que dirixe Saínza Ruiz, que ten como obxectivo informar periodicamente das actividades que se organizan en torno á Casa da Muller e deste departamento municipal, pero que vai moito máis aló: quere ser unha mirada en feminino sobre a cidade, os seus problemas e as oportunidades que brinda, apoiando sobre todo o emprendemento feminino.

O Concello de Ferrol confiou en Pingota Comunicación para deseñar e elaborar esta publicación, que terá carácter trimestral e da que se editarán 900 exemplares por número. A nosa cooperativa de mulleres está especialmente satisfeita dun traballo que é sobre todo xornalístico -co que dá resposta á nosa vocación- e que nos pon en contacto coa realidade doutras ferrolás a través das asociacións que as representan e que terán participación directa nos contidos de Machina.

Para tentar dar unha visión positiva pero non por iso acrítica do papel que xogan as mulleres na sociedade buscaremos en cada número protagonistas desa mitade da poboación que non quere ser silenciosa, que traballa duro -loitando na maioría das ocasións con atrancos moi difíciles de salvar- e que aporta moito máis do que ás veces se ve a simple vista.

A nosa idea é dar cabida á muller na súa pluralidade de facetas, de ideoloxías e de condicións, para visibilizar as súas reivindicacións pero tamén para deixar patentes os seus logros.

Primeiro número

O primeiro número leva á súa portada a Chelo Loureiro, unha muller que conta co recoñecemento unánime moito máis alá da súa cidade na súa traxectoria actual como produtora cinematográfica, pero que é tamén un exemplo de persoa loitadora, tenaz e, sobre todo, perseguidora de soños. Talvez por iso foi quen de conseguir co seu traballo premios en Ferrol (Muller do Ano), Galicia (Mestre Mateo), España (Goya) e mesmo a nivel internacional (como o Anifilm da República Checa).

Unha reportaxe sobre as accións en favor da igualdade promovidas polo Concello nos centros escolares; outra sobre a recén constituída Asociación de Loita contra a Violencia de Xénero (Alvixe); información sobre as protestas polos asasinatos machistas, as actividades adicadas á figura de Hildegart na Casa da Muller ou as iniciativas de diferentes asociacións de mulleres e unha lembranza para a Casa de Acollida de Ferrol, que foi pioneira en España cando se creou hai xa trinta anos, son algúns dos contidos dunha revista na que tamén hai espazo para recomendacións literarias ou de cine e televisión e mesmo para a crítica ao tratamento das informacións relacionadas con mulleres.

Agardamos que Machina sexa un punto de encontro para as mulleres, que consiga poñer en valor o que nos une e, sobre todo, que sexa unha ferramenta útil para visibilizar as nosas preocupacións e obxectivos a fin de facer desaparecer unhas e alcanzar os outros.

Aquí deixamos un enlace á información recollida en Diario de Ferrol sobre a revista.

E aquí o PDF completo.

Post by pingota

Comments are closed.