DeExcursión 2017: nova e ampliada oferta para saídas escolares

Número 2 de DeExcursión

Portada do número 2

Hai un ano Pingota Comunicación presentaba a revista DeExcursión, un proxecto no que cremos desde o principio e ao que lle puxemos moito empeño, ilusión e traballo. Esta publicación naceu co obxectivo de se converter nun instrumento útil para que os centros escolares organizaran excursións polos concellos de Ferrol, Eume e Ortegal, pero tamén como un xeito de afondar no coñecemento das nosas comarcas e de reivindicar o orgullo de pertencer a elas.

Aquela primera publicación xa ten continuidade. Vimos de enviar a máis de 500 centros da provincia da Coruña e norte de Lugo o número correspondente ao curso 2017-2018, de novo gratuítamente, para que poidan traballar con el en formato papel. O coidado deseño é, unha vez máis, o sinal de identidade de DeExcursión: con moitas ilustracións e fotografías, moi orixinal e, nesta ocasión, coa información máis sistematizada, xa que as rutas propostas -máis de medio centenar- non só se agrupan por concellos senón tamén por tipoloxía: naturais, urbanas, museísticas ou patrimoniais. En cada unha delas faise unha descrición que destaca o máis salientable, pero tamén se aportan -a modo de apuntes escolares- os datos que é imprescindible coñecer para organizar e desfrutar da excursión.

Contamos para este segundo número coa colaboración de 15 concellos, aos que se suman tamén propostas doutras institucións, como as visitas ao porto de Ferrol, ao Museo da Construción Naval, aos fermosos itinerarios do Proxecto Esmelle ou ao patrimonio da Deputación nas Fragas do Eume. E unha vez máis agradecemos a participación, a través da publicidade, de empresas das tres comarcas que teñen moito que ofrecer aos colexios e institutos porque o seu traballo ten unha vertente pensada especificamente para estudantes, sexa lúdica ou de formación.

Web e Facebook DeExcursión

A revista complétase cunha páxina web (www.deexcursion.net) á que poden acceder non só os profesores senón calquera persoa interesada, porque se ben é certo que a comunidade educativa constitúe a destinataria principal do proxecto, tamén pode ser aproveitado para esas excursións familiares que, cando adultos, adoitamos recordar coa doce nostalxia dos tempos da nenez. Este recurso web engade a maiores da publicación en papel -que tamén se pode descargar na súa totalidade- algunhas suxestións de experiencias escolares relacionadas con cada ruta que os docentes poden tomar como base para traballar nas súas excursións.

E temos tamén unha páxina de Facebook , https://www.facebook.com/RevistaDeExcursion/, que queremos que sexa un lugar de encontro para a comunidade educativa, un espazo para compartir experiencias sobre saídas escolares pero tamén outras moitas cousas de interese: desde certames e premios ata proxectos de investigación ou novas destacadas nos centros. A nosa intención e continuar afianzando e mellorando este proxecto e para iso agardamos a colaboración dos mestres e profesores… e tamén a dos que conservades o afán de descubrir cousas novas que, ademais, tedes aquí ao lado. Seguro que vos sorprenden!

Post by pingota

Comments are closed.