Traballamos co Campus de Ferrol nos concursos “Humanísimos”

Campus de Ferrol

A nosa axencia Pingota Comunicación ten un novo reto, o de colaborar coa Universidade da Coruña e máis concretamente co Campus de Ferrol na organización dos certames “Humanísimos” e na posta en marcha dunha serie de visitas guiadas ao recinto de Esteiro. A proposta constitúe un novo esforzo por acercar a cidade e a institución académica, e tamén por facer valer o importante papel das carreiras de Humanidades nun campus que leva o selo de “Industrial” e que pese ao peso do tecnolóxico non quere dar as costas ás “letras”.

Os concursos “Humanísimos” van dirixidos aos estudantes de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia e con eles preténdese brindarlles unha oportunidade para coñecer mellor o Campus de Ferrol e as titulacións que ofrece. Así, convócanse certames de monólogos, de fotografía e de microrrelatos, cada un deles nas categorías de ESO e Bacharelato. Os carteles, deseñados por Pingota Comunicación, e as bases serán enviadas a tódolos institutos e centros privados ou concertados que impartan estes niveis educativos en Galicia. Nos tres concursos, o prazo de presentación rematará o 31 de maio.

Campus de Ferrol

 

-Concurso de monólogos: Os monólogos deberán ser orixinais e de creación propia do autor. Comezarán coa frase “No meu primeiro día na Universidade…” e terán una duración máxima de cinco minutos.

O xurado está formado pola vicerreitora e o director do Campus Industrial, o profesor da UDC José María Rolón Varela, a profesora de Artes Escénicas no IES Carvalho Calero de Ferrol, María Pilar (Pin) Patiño, e outra persoa do mundo da escena aínda por concretar, xunto á xefa do Gabinete de Comunicación da UDC, María Ares, como secretaria. Os premiados en cada categoría actuarán no acto público de entrega de premios dos tres concursos Humanísimos, previsto para o mes de xuño no Campus de Ferrol. Os textos dos monólogos irán incluídos na publicación do concurso Humanísimos, e os gañadores recibirán unha copia do vídeo da actuación final.

 

Campus de Ferrol

-Concurso de microrelatos: O relato, dun máximo de 300 palabras, terá que comezar coa frase “No meu primeiro día na Universidade…”

Un xurado formado pola vicerreitora Araceli Torres, o director do CIF, Ginés Nicolás, o escritor Antonio Manuel Fraga, Premio Merlín de Literatura Infantil 2013, Premio Antón Risco de Literatura Fantástica 2016 e Premio da Crítica Galicia de Creación Literaria 2017; Ánxela Loureiro, finalista do Premio Merlín en dúas ocasións, Premio Lecturas Gálix 2005 e Premio Literario Frey Martín Sarmiento 2005; a decana da Facultade de Humanidades e Documentación, Manuela Santos, e a xefa do Gabinete de Comunicación da UDC, María Ares, como secretaria.

No libro sobre o concurso Humanísimos incluiranse os dez mellores traballos, cinco de ESO e cinco de Bacharelato.

 

 

Campus de Ferrol

-Concurso de fotografía de bibliotecas: Presentarase unha fotografía por concursante e necesariamente deberá gardar relación coa temática das bibliotecas.

O xurado estará formado, ademais da vicerreitora e do director do Campus Industrial, pola fotógrafa Helena Segura Torrella, premio Descubrimientos de PHotoEspaña e Shots Young Photographer; o concelleiro de Cultura e Universidade, artista plástico e profesor, Suso Basterrechea; o profesor da UDC Jesús Cardenal, e a xefa do Gabinete de Comunicación da UDC, María Ares, como secretaria.

As dez mellores fotos, cinco de cada categoría, irán incluídas na publicación do concurso Humanísimos e exporanse no acto final de entrega de premios.

 

 

Esta mesma mañá presentáronse estes certames no Campus de Ferrol, nunha rolda de prensa na que participaron a vicerreitora do Campus, Araceli Torres; o director do Campus Industrial, Ginés Nicolás; o concelleiro de Cultura do Concello de Ferrol, Suso Basterrechea; a decana de Humanidades, Manuela Santos, e o profesor José Luis Rolón, todos eles membros dos xurados. No acto resaltouse a importancia de defender as humanidades no mundo actual, no que parece que están a ser abandoadas en favor unicamente das tecnoloxías. “Unha sociedade completa necesita do humanismo -dixo Basterrechea-, sen iso é uha sociedade baleira de contido”.

Visitas guiadas

Na mesma rolda de prensa anunciouse tamén o programa de visitas guiadas ao campus de Ferrol que se vai poñer en marcha o vindeiro mércores, 28 de marzo. As 11.00 horas, diante da Facultade de Humanidades, será a hora e o lugar no que comezará a primeira destas visitas, que levará a un máximo de 30 persoas a coñecer os edificios de todo o recinto, antiguamente Hospital Naval, e tamén algúns dos laboratorios máis importantes. A visita é de balde para todas as persoas interesadas, que deberán inscribirse previamente chamando ao teléfono 881 013 621 ou ben enviando un correo á dirección oficina.campusindustrial@udc.es.

Haberá outras dúas visitas, os sábados 21 de abril e 26 de maio, co mesmo horario.

Post by pingota

Comments are closed.