A UDC entrega os premios Humanísimos

I Certame Humanísimos do Campus Industrial

Premiados e xurado do certame Humanísimos

Humanísimos é unha das fórmulas utilizadas polo Campus Industrial de Ferrol, da UDC, para axudar a difundir a súa aposta polas Humanidades. A axencia Pingota Comunicación colaborou coa institución académica na organización da primeira edición dos premios que levan este nome, e que se convocaron para estudantes de ESO e Bacharelato de toda Galicia. O certame tivo tres vertentes: concurso de microrrelatos, de fotografía de bibliotecas e de monólogos e contou nos xurados con prestixiosos profesionais relacionados con cada unha das especialidades, desde a actriz Mabel Ribera ata os escritores Antonio Fraga e Ánxela Loureiro, desde a fotógrafa Helena Segura Torrella ata o artista plástico Suso Basterrechea ou a profesora de Artes Escénicas Pin Patiño, ademais da vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, o director do Campus Industrial, Ginés Nicolás, e os profesores da Universidade Manuela Santos, José María Rolón e Jesús Cardenal.

Pingota Comunicación puxo todo o seu esforzo e ilusión neste traballo tan interesante e completo, xa que ademais do deseño do material gráfico -carteis e diplomas- e da publicación na que se recollen os traballos premiados e seleccionados, ocupouse da elaboración das bases, das convocatorias e o contacto permanente co xurado, cos centros educativos e a propia Universidade, así como da publicidade en redes sociais a través da cal o certame chegou a 298.108 persoas en toda a Comunidade. E sobre todo estamos satisfeitas de ter aportado o noso gran de area para contribuír a espallar a importancia das Humanidades, xa que ao marxe do futuro profesional que escolla cada quen, a base humanística é imprescindible para a nosa evolución como sociedade.

Felicitamos aos alumnos e alumnas premiados en Humanísimos e tamén a aqueles cuxos traballos foron seleccionados para ese  libriño que oxalá sexa só o primeiro no que vexan impreso o produto da súa creatividade. Agradecemos á UDC e ao Campus Industrial a súa confianza para esta colaboración que agardamos teña continuidade neste e noutros proxectos e recomendamos moi encarecidamente a quen aínda non coñeza o campus ferrolán que o visite e que se interese pola súa oferta de graos, mestrados e doutorados porque, sen dúbida, é unha peza fundamental do futuro da nosa cidade.

Deixámosvos o vídeo realizado por Iris Producións da entrega de premios, á que asistiu o rector, Julio Abalde.

 

Post by pingota

Comments are closed.