Cariño é puro teatro

Cartel da Mostra de Cariño

Cartel de Luis Davila

Cariño acollerá entre o 11 e o 17 de setembro a 40ª edición da súa Mostra de Teatro Galego. É a máis  antiga de Galicia e ofrece, ademais das funcións teatrais para público infantil e adulto, espectáculos de rúa, cun total de 18 actividades que inclúen as mellores compañías do momento, tanto da nosa comunidade como de Portugal.

Ademais, o Concello -que é o responsable da programación coa colaboración da Deputación, a Xunta e Agadic- ten bonos ao prezo de 20 euros que permiten asistir a todos os espectáculos de noite no auditorio.

Coa bagaxe que ten esta actividade e coa calidade das propostas, para Pingota Comunicación resultou especialmente gratificante colaborar coa Mostra de Cariño deseñando o programa de man das actividades. E sobre todo fíxonos ilusión compartir traballo, aínda que sexa de maneira tanxencial, co grande Luis Davila, O Bichero, autor dun cartel do máis hamletiano (ou case nos permitiriamos a expresión jamletiano) que é, ademais, a portada da nosa publicación.

Programa

Os fans do teatro xa teñen clara a cita de Cariño; para o resto recomendamos moitísimo a visita a este concello todo o ano, pero especialmente nestas datas de intensa actividade cultural. O clásico “Río Bravo”, da compañía Chévere, e o premiado musical humorístico “Elisa e Marcela”, de A Panadaría, son algunhas propostas que se poderán ver no Auditorio Municipal en sesións de noite, xunto as das agrupacións Contraproducións, Mofa e Befa e Redrum Teatro.

Os nenos e nenas poderán gozar do aclamado espectáculo “Aire”, de María Fumaça, os monicreques de Partículas Elementares, Baobab teatro, Trompicallo e Ghazafellos Teatro.

E no capítulo de animación de rúa o clown portugués Godot, que se vai incorporar en breve ao Circo do Sol, será unha das atraccións máis esperadas, xunto a Natalia Outeiro, “Pajarito”; Cirk About It; Culturactiva, coa súa comedia de rúa “Saaabor!”; o concerto de ukeleles de “Ukestra do medio”; Shakti Olaizola e as acrobacias de Okidok.

Agardámosvos en Cariño!

Post by pingota

Comments are closed.