Dinamizamos as redes sociais de Ferrol Ocio&Cultura
Empezamos o mes de febreiro cun traballo moi especial: xestionar as redes sociais culturais do Concello de Ferrol. Trátase de dar un novo servizo á cidadanía, unificando nunha páxina de Facebook, un perfil de Twitter e outro de Instagram toda a información que se xenera nesta área. O obxectivo é que os veciños e veciñas e a xente que nos visita teñan unha forma sinxela de acceder ás actividades que se organizan desde o Concello. Pero o traballo vai más alá e tamén informamos a través destas canles daquelas outras propostas que, aínda non tendo relación directa coa administración local, contribúen a facer da nosa cidade un polo de atracción cultural.
En colaboración co Concello decidiuse dar a estas redes sociais a denominación de “Ferrol Ocio&Cultura”. O motivo é que facemos extensiva a información cultural a iniciativas de lecer que, aínda que non son estrictamente culturais, representan unha alternativa de ocio e son, polo tanto, de interese para gozar do tempo libre.
Novo logotipo
Pingota Comunicación ocupouse de deseñar un novo logotipo homenaxeando ao edificio máis emblemático de cantos representan a cultura en Ferrol, o teatro Jofre, e reinterpretando unha das caras que coroan as columnas do edificio. Deste xeito, quíxose darlle continuidade á páxina de Facebook que ata agora informaba do acontecer cultural, a do Jofre. Hai que ter en conta, ademais, que a web de referencia para estas actividades segue a ser a do teatro . Para darlle cor ao logotipo elixiuse o mesmo azul da imaxe oficial do Concello de Ferrol.
E para a portada de Facebook deseñamos tamén unha imaxe principal -aínda que se mudará para promocionar determinadas actuacións- na que aparecen os tres inmobles que aloxan a maioría das inciativas culturais promovidas polo Concello. O propio teatro Jofre, o Auditorio e o Centro Cultural Torrente Ballester son os protagonistas.
Animámovos a seguir os perfís de Facebook, Twitter e Instagram para estar ao tanto da vida cultural da cidade e agradecemos á institución municipal ter contado con Pingota Comunicación para esta ilusionante tarefa.
Últimos artículos