O Centro Galego de Arte Contemporánea confía as súas redes sociais a Pingota Comunicación

A noticia non é de agora, pero o decreto do estado de alarma e a conseguinte paralización da actividade -tamén a museística- obrigaron a modificar substancialmente a actividade nas redes sociais e por iso preferimos dala hoxe, coincidindo coa reapertura do Centro Galego de Arte Contemporánea. Pingota Comunicación resultou adxudicataria da xestión das redes do CGAC o pasado mes de marzo. É todo un orgullo poder difundir a través de Facebook, Twitter, Instagram, Youtube e Vimeo o interesantísimo labor que desenvolve, non só como referente da arte en Galicia, senón da cultura en xeral. Porque o CGAC vai moito máis alá do ámbito expositivo.

Como o resto dos museos, o CGAC -con sede en Santiago- tivo que pechar as súas portas como consecuencia da crise sanitaria, pero o seu equipo de profesionais soubo adaptarse perfectamente ás circunstancias e manter vivas as redes sociais con información das súas actividades -algunhas das formativas continuaron no formato en liña- e proxectos, e tamén dando a coñecer as obras da súa colección, entre as que se está dando especial relevancia ás firmadas por mulleres.

Hoxe, reapertura

Hoxe, por fin, o Centro Galego de Arte Contemporánea volve abrir as súas portas, e o noso traballo nas redes sociais necesariamente terá que estar moi pegado á actualidade, aínda que continuaremos difundindo o seu patrimonio e os servizos que pon a disposición do público, entre outras moitas cousas. Invitámosvos a seguir as súas redes sociais e a visitar tan axiña como poidades as tres exposicións que ten abertas: “Crebas”, de Francesc Torres; “Museo (do Ermitán) Man”, dedicada a Man de Camelle, e “Caosmos”, de Antón Patiño. E atentos ás novidades!

 

Post by pingota

Comments are closed.