Contribuímos á divulgación do Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas

Este está a ser un verán atípico, e non só para o Xeodestino Ferrolterra-Rías Altas. A mobilidade reduciuse considerablemente pola pandemia e a meirande parte da poboación elixiu o turismo de proximidade para as súas vacacións. É certo que o da proximidade préstase a interpretacións, porque hai quen entende por tal non saír do país ou mesmo quen amplía o círculo a Portugal, pero tamén quen quixo aproveitar -ou quere, porque aínda non rematou- o verán para manter a casa como base de operacións e desde aí facer excursións para visitar o que temos máis preto, que non por iso deixa de ser descoñecido.

Desde Pingota Comunicación queremos pensar que moitos viaxeiros e viaxeiras que normalmente volven das súas vacacións contando as marabillas atopadas no que comunmente coñecemos como destinos paradisíacos,son quen de encontrar agora no máis próximo a beleza, o repouso, a tranquilidade, en definitiva, o encanto desas vjaxes que agardamos durante todo o ano. E como temos ese convencemento estamos felices de que o Xeodestino Ferrolterra Rías Altas confíe en nós para divulgar ata fin de ano o moito que teñen que ofrecer os concellos agrupados baixo esa denominación nas súas redes sociais.

É certo que este ano xa vimos por aquí moito máis turismo nacional do habitual. A Covid-19 provocou que moita xente buscara destinos seguros e non cabe dúbida, á vista dos datos sanitarios, que por máis que non se poida baixar a garda e que ninguén estea libre de contraer a enfermidade, a nosa área sanitaria é das máis “tranquilas”. Esa mesma razón é a que leva aos residentes na zona a aproveitar para visitar concellos veciños, para descubrir recunchos con encanto e para gozar dunhas vacacións que non por diferentes teñen que ser menos vacacións. E nós queremos darlles cada día un montón de ideas. Niso estamos.

Post by pingota

Comments are closed.