A praza de Armas, o lugar onde palpita Ferrol

Pingota Comunicación é responsable da produción de materiais para a campaña de difusión da remodelación da praza de Armas, unha actuación enmarcada no proxecto EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020” e realizada cun 80% de fondos Feder e un 20% de investimento municipal. “O lugar onde palpita Ferrol” é o lema elixido, e un corazón o elemento central da imaxe asociada a esta campaña, coa que pretendemos subliñar que a praza de Armas non so é un espazo urbano, senón un escenario vital para a cidadanía de Ferrol, un sitio asociado á nosa historia en común.

O punto de partida foi a produción da imaxe central da campaña, un traballo de deseño gráfico que desenvolveu Raúl Rodríguez Calvo. A creatividade é unha reprodución esquemática da praza vista desde arriba, co trazo sinxelo dun debuxo. Armas aparece coa súa pranta rectangular, enmarcada polos edificio que a rodean, entre os que é facilmente recoñecible o consistorio. No centro colocamos un corazón que pretende transmitir esa idea dun lugar cheo de vida e que palpita. Están tamén as árbores, quizais os elementos máis destacables da remodelación realizada. Os colores empregados son os da imaxe corporativa do programa EDUSI.

Vídeo

Ademais dos banner, anuncios e demáis adaptacións da imaxe proporcionadas á oficina do EDUSI para a realización da campaña de difusión, Pingota Comunicación realizou un vídeo coa colaboración de Explorer 66 Air. As tomas feitas polo videógrafo Javier Fernández transmiten precisamente a vida que ten a praza de Armas calquera día. Desde primeira hora ata que cae o sol, trátase dun espazo versátil e aberto, cheo de luz, no que palpita a cidade de Ferrol. A celebración das festas permitiu realizar algunha toma durante un concerto e amosar a capacidade que ten a remodelada praza para acoller este tipo de actividades.

O vídeo remata dun time-lapse, tomado desde un balcón dun piso alto que se asoma á praza e que condensa nuns segundos a caída do sol en Armas, o acendido das luces, o final dun día de dará paso a outro.

A Praza de Armas é, desde sempre, o corazón de #Ferrol,Un lugar cheo de historia en común,que acaba de renovarse para…

Publicada por EDUSI "Ría de Ferrol, Cidade 2020" en Viernes, 18 de septiembre de 2020

 

Aquí vos deixamos o texto que acompaña ás imaxes:

A praza de Armas é, desde sempre, o corazón de Ferrol.

Un lugar cheo de historia en común
Que latexa con máis forza desde a súa remodelación
Un espazo aberto,
Para nos encontrar
Para compartir,
Para crecer,
Para gozar,
Para festexar…
Un espazo para facer cidade
O LUGAR NO QUE PALPITA FERROL

Post by pingota

Comments are closed.