A axencia Pingota Comunicación cumpre cinco anos!

Pingota Comunicación cumpre cinco anos! Creamos a nosa cooperativa en outubro de 2015, saíndo dunha crise, e chegamos ao momento de soprar as cinco velas nas portas doutra cuxas consecuencias aínda están por ver. Porén, miramos ao futuro con moitos folgos, convencidas de que o andado e aprendido vainos servir para afrontar mellor os novos retos.

Tres xornalistas, Pilar Cotovad Cal, Puri Rodríguez Calvo e Montse Mayoral Míguez, son as socias fundadoras da cooperativa, unha axencia de comunicación que se definiu desde o primeiro día polo seu selo xornalístico. Reivindicamos o valor de crear contidos de calidade tanto para os medios como para webs e redes sociais. A mensaxe é o máis importante para os nosos clientes, e nós preocupámonos por construíla e trasladala eficientemente.

En Pingota Comunicación somos todoterreo. Comunicamos online ou offline, segundo o que conveña en cada momento. Somos dixitais, pero tamén deseñamos e facemos moitas publicacións en papel, desde revistas corporativas ata folletos e cartaces de diferentes eventos…
A nosa iniciativa empresarial descubriunos, ademais, a nosa vena creativa. Coa colaboración do deseñador gráfico Raúl Rodríguez Calvo temos lanzado ao mercado varios artigos de regalo relacionados coa nosa cidade Ferrol, como un puzle, unhas bolsas de tea ou un caderno para colorear. Están á venda en diferentes comercios da nosa cidade e hai poucas semanas estreamos a nosa canle de e-Commerce coa plataforma Correos Market- https://www.market.correos.es/merchant/pingota-comunicacion – na que xa poden mercar os ferroláns e ferrolás que están fóra.

Somos moi bulideiras, pode que porque esta sexa a única forma de saír adiante. Cumprimos cinco anos, e a realidade é que isto é algo que conseguen en Galicia so o 50% das empresas. No noso caso, formamos unha cooperativa, un modelo de empresa que implica un compromiso un pouco maior: as persoas que a formamos somos socias e tamén traballadoras. Esta fórmula é máis resiliente, e así o plasmamos nun vídeo que fixemos este ano para Eusumo: https://youtu.be/QJ6bSQMdeWs.

Chegado o primeiro lustro é tempo tamén de agradecer a confianza que depositan en Pingota Comunicación os nosos clientes, ben sexan institucións, empresas, asociacións… Con todos eles estamos a percorrer un camiño apaixoante que non fixo máis que comezar!

 

Post by pingota

Comments are closed.