Implícate, son as túas veciñas; campaña para o Concello de Ortigueira contra a violencia de xénero

Este ano deseñamos por vez primeira para o Concello de Ortigueira unha campaña contra a violencia de xénero: “Implícate, son as túas veciñas”. A Concellería de Igualdade tiña claro que habería de ser un traballo pensado especialmente para a xente da zona rural -pola súa especial vulnerabilidade- e que iría dirixido ás persoas que moitas veces sospeitan, ou directamente saben, que hai un problema de violencia de xénero pero non queren involucrarse.

O primeiro que eliximos foi o lema da campaña, cunha fórmula directa que busca a participación desa veciñanza: Implícate.

Por que implicarse? Por moitas razóns: pola inxustiza que representan estas situacións; polo sufrimento que causan e as vidas que destrozan, ás veces literalmente; polo illamento social que moitas veces traen consigo, non para o agresor, senón para a propia muller; pola dificultade de saír delas sen contar con apoios externos… Optamos por resumilas nunha frase: porque son as túas veciñas, As persoas coas que convives diariamente, ás que saúdas pola rúa ou coas que comentas sobre calquera cousa, as que coñeces mellor ou peor pero poden depender da túa axuda.

A idea é que pertencemos a unha comunidade, e a comunidade non pode mirar para outro lado. A súa obriga é tecer unha rede de apoio que faga saber ás mulleres que padecen violencia de xénero que non están soas e que as súas veciñas e veciños son o seu primeiro apoio.

O Centro de Información á Muller quería reflectir esa idea a través de imaxes, e así xurdiu unha campaña de cartelería que fuxe do recurso de mostrar as consecuencias físicas da violencia de xénero e o dramatismo que sen dúbida representa este gravísimo problema. Ao contrario, eliximos fotografías máis “amables” pero apoiadas con frases que destacan que as cortiñas de cadradiños vermellos nas ventás poden agochar un inferno no interior da casa; que unha porta pechada non axuda por moito que estea pintada dunha cor alegre; que o mesmo que as paredes oen, moitas veces tamén nos oímos pero peferimos non escoitar.

Estes carteis complétanse con outro que é a conclusión do que pode pasar se non nos implicamos: que a violencia de xénero remate coa vida dalgunha desas veciñas ás que damos as costas coa nosa pasividade.

A campaña inclúe un cartel de presentación no que simplemente aparecen as frases que ilustran os demais: “Hai casas que non son un fogar”, “Se as paredes oen, ti tamén”, “Non lles peches a porta” e, finalmente, “Non agardes a vela no xornal”.

Cremos que a mensaxe é clara e agardamos que invite á reflexión. Pola nosa banda, temos a convicción de que esta terrible lacra non rematará ata que todos e todas fagamos o que estea na nosa man para contribuír a que desapareza.

Implícate!

Post by pingota

Comments are closed.