Viñetas do Camiño, un proxecto para descubrir o Camiño Inglés a través do debuxo
“Viñetas do Camiño” é o proxecto promovido polo Concello de Fene no marco do programa O Teu Xacobeo, da Xunta de Galicia, para promocionar o Camiño Inglés a través do debuxo e subliñar o especial vencello que ten o municipio coa ilustración e as artes gráficas grazas ao Museo do Humor. Pingota Comunicación está a traballar na comunicación desta iniciativa, que foi presentada no pasado mes de marzo e que vai camiñar, con diferentes actividades, ata o próximo verán.
Para a posta en marcha do proxecto, a axencia ocupouse en primeiro lugar do deseño dun logotipo que identificará todas as actividades e propostas que se desenvolvan no marco de “Viñetas do Camiño”. O deseñador Raúl Rodríguez Calvo ocupouse de crear esta imaxe, inspirándose no mundo das historietas e o cómic. O logo está composto por dúas viñetas e un lapis, o rudimento máis elemental do debuxante á hora de facer un caderno de viaxe, así como a liña do itinerario e a cuncha do peregrino. Os colores elixidos, o azul e o amarillo, aluden ao Xacobeo e ás frechas coas que están sinalizadas as súas rutas.
Tamén está xa en marcha unha páxina web –www.vinetasdocamino.com-, construída coa colaboración da empresa Indiga Company, na que es posible coñecer máis polo miúdo o proxecto e as súas diferentes actividades. Na páxina de inicio ábrese unha animación, feita tamén coa colaboración de Raúl Rodríguez Calvo, cunha imaxe emblemática da ría ferrolá.
O proxecto conta coa participación de artistas da ilustración e do debuxo que van participar en diferentes obradoiros e encontros, así como nunha “Andaina debuxada” que se desenvolverá en xuño. Percorreremos entón o Camiño Inglés desde Ferrol a Pontedeume en dúas etapas, con Fene no final da primeira e comezo da segunda, nas que os artistas estarán debuxando en distintos puntos do percorrido. As obras creadas formarán parte dunha exposición que terá unha versión física e outra virtual, da que iremos dando conta.
No arranque do proxecto, Pingota Comunicación ocúpase tamén de entrevistar a todos os artistas, coa finalidade de coñecer un pouco mellor as súas técnicas e achegar a mirada diferente e única coa que cada un deles plasma o mundo que ten arredor. Seguide o noso “caderno de viaxe” na web deste apaixoante proxecto e nas redes sociais –https://www.facebook.com/vinetasdocamino, https://twitter.com/DoVinetas e https://www.instagram.com/vinetasdocamino/.
Últimos artículos