María Fernández Manso, nova socia de Pingota
Pingota Comunicación ten unha nova socia. Coa incorporación de María Fernández Mans, volvemos ser tres na axencia. A finais de setembro do pasado ano retirabase Pilar Cotovad Cal, unha das fundadoras da cooperativa, e desde entón fumos dúas, Montse Mayoral e Puri Rodríguez, as encargadas de dar continuidade ao proxecto, pero sempre coa vista posta en incorporar a alguén máis. A oportunidade veu da man de María, coa que compartimos experiencia laboral en Diario de Ferrol, e desde o principio pareceunos a persoa idónea para emprender o “relevo xeracional”. Así que temos un novo equipo.
A nova socia é tamén xornalista, aporta a súa experiencia e bagaxe no mundo do deporte -que cubriu informativamente realizando un gran traballo no periódico local- e conta con moitas outras cualidades, entre elas a entrega, o dinamismo, o entusiasmo e o seu interese polas redes sociais e o mundo dixital en xeral.
Desde que chegou a Pingota Comunicación ten demostrado que este proxecto é tamén o seu, vén con ideas frescas e con moitas ganas de que a nosa axencia siga a medrar. Implicouse de cheo no traballo e deseguida se adaptou a un labor que obviamente está moi relacionado co xornalismo, pero alonxado do día a día dun medio de comunicación.
Estamos encantadas de darlle a benvida á nosa nova socia e de continuar deseñando un futuro conxunto.
Últimos artículos