Ártabro Inclusivo, un proxecto en rede no que colabora Pingota Comunicación

Ártabro Inclusivo é unha ilusionante iniciativa que involucra a tres administracións -os Concellos de Fene, Ferrol e Narón- e varias institucións e entidades e que se está a desenvolver durante este ano e o que vén ao abeiro do GALP Golfo Ártabro Norte.

O proxecto ten tres obxectivos fundamentais:

-Erradicar a contaminación mariña retirando os plásticos que van parar ao mar e dándolles unha segunda vida.

-Fomentar a economía circular precisamente a través da transformación destes plásticos

-Promover a inclusión social coa posta en marcha de talleres de plásticos en Aspaneps e de obradoiros de plástico e madeira en Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal para que sexan as persoas usuarias destes centros as que elaboren novos produtos a partir desa materia prima recollida do mar.

Colaboracións

Conta coa colaboración da Universidade da Coruña a través do Laboratorio de Plásticos a Escola de Deseño Industrial, ámbolos dous con sede no campus de Ferrol, e tamén do CIFP Ferrolterra, e tenta implicar directamente tamén ás Confrarías de Pescadores de Barallobre e Ferrol.

É, como se pode ver, un proxecto moi completo no que en Pingota Comunicación colaboramos a través do Plan de Comunicación e do programa de dinamización, e a verdade é que o traballo é ben satisfactorio. Agardamos que vos gusten tanto o logo que deseñamos para Ártabro Inclusivo como a imaxe e lema do cartel: “Fóra do mar, o plástico ten valor”.

A aposta pola economía circular, pola loita contra a contaminación mariña e a vertente social son moi importantes para nós, que defendemos sempre as iniciativas sostibles porque entendemos que necesariamente a sociedade ten que avanzar nesa dirección.

Convidámosvos a participar no programa de actividades, que comezan xa e que nos parecen moi interesantes: limpezas de praias, conferencias de persoas como o pescador influencer Rogelio Santos ou Gema Neira, CEO de Cholita (unha empresa que se dedica á reciclaxe de redes de pesca) ou unha demostración aberta ao público do funcionamento das máquinas para reciclar os plásticos dentro da iniciativa Precious Plastic. Agardámosvos!

Post by pingota

Comments are closed.