Unha guía de turismo familiar para o Xeodestino Ferrolterra Rías Altas

Guía de turismo familiarO turismo familiar é unha forma de viaxar cada vez máis demandada. Búscanse un destino e unha oferta turística que ofrezan nun mesmo lugar intereses para toda a familia. O Xeodestino Ferrolterra Rías Altas apostou este ano en Fitur por este tipo de perfís para presentar a súa Guía de Turismo Familiar. E a súa elaboración confiouna a Pingota Comunicación. A publicación, nun formato de 21×21 centímetros, reúne en medio cento de páxinas os principais atractivos dos 21 concellos que forman parte do Xeodestino para visitar con nenos e nenas. A oferta é amplia e agrúpase por temática pero tamén conta cun índice por municipios. Deste xeito, o usuario ou usuaria poida identificar facilmente os recursos dunha zona concreta.

Apartados

As opcións de turismo familiar explícanse nos seguintes apartados: “De castelo en castelo”, “Os museos, imprescindibles”, “Ocio nas rúas”, “Xogando nos parques, paseos e áreas recreativas”, “As marabillas da natureza”, “Unha costa chea de sorpresas”, “Un baño?” e “En ruta”. Nos seus propios títulos xa dan unha idea do moito que podemos atopar, desde fortalezas ata espazos culturais -en museos e ao aire libre-. Tamén zonas de esparcemento nas que gozar dun día en contacto coa natureza, paisaxes espectaculares como as Fragas do Eume ou o proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal. E praias, ríos, lagos, faros, rutas sendeiristas…

Todos os concellos están representados nesta guía que, ademais, recolle información útil sobre horarios, webs de referencia ou teléfonos de contacto e que se pode atopar nas oficinas de turismo das tres comarcas.

A publicación non só é útil para o viaxeiro de fóra do Xeodestino, tamén para quen reside nalgún dos seus municipios. Porque se algo ten demostrado a pandemia da Covid-19 é que o contorno próximo, o que temos máis cerca, é en moitas ocasións o máis descoñecido. A quen tedes a sorte de vivir nun lugar tan marabilloso como Ferrolterra, Eume e Ortegal invitámosvos a consultar a guía de turismo familiar para programar as vosas excursións de fin de semana ou para organizar unha xornada diferente. A quen nos visitades, recomendámosvos que aproveitedes a viaxe para percorrer cantos máis lugares mellor. E a volver sempre que queirades. Cada vez atoparedes algo novo!

Podedes consultar a guía aquí  Turismo Familiar galego

Post by pingota

Comments are closed.