Lideresas á Galega, un proxecto para apoderar a mulleres maiores

A fotógrafa ferrolá Ana Amado iniciaba hai un tempo un proxecto encamiñado a visibilizar ás mulleres maiores e o seu importante papel na sociedade. As primeiras “lideresas” eran de Villaverde, un barrio obreiro de Madrid que foi onde Amado buscou protagonistas para a súa iniciativa. Esta consistía en recrear desde o punto de vista feminino imaxes icónicas dos séculos XX e XXI. Nelas,  os retratados eran homes pertencentes a diferentes campos, desde a política ata o cine, o deporte, a música ou a ciencia.

Agora, os institutos Saturnino Montojo e Carvalho Calero e o CIFP Rodolfo Ucha fixeron súa aquela experiencia adaptándoa a Ferrol e dando vida así ás “Lideresas á Galega”. Estudantes dos ciclos de Vídeo DJ, Estética e Beleza, Peiteado e Cosmética Capilar, Comercio e Marketing, Administración e Informática destes centros realizaron un traballo de cooperación entre eles e coas 30 mulleres coas que se versionaron esas fotografías históricas. As modelos son habituais das actividades de Espazo+60 de Afundación e da Residencia de Maiores de Caranza. E non dubidaron en cambiar de imaxe para mostrar que esa metade da humanidade a miúdo silenciada, ten ter representación e capacidade de decisión.

Exposición

O froito dese fermoso traballo interxeracional pódese ver desde hoxe na exposición que se exhibe na sede de Afundación. En Pingota Comunicación ocupámonos da montaxe da mostra e do deseño dun calendario no que Einstein, Trump, os Beatles, Che Guevara ou Kiss ceden o protagonismo ás mulleres maiores. E reclaman así o seu dereito a formar parte da historia. O proxecto entusiasmounos desde o principio, tanto polos seus obxectivos como pola impresionante calidade do traballo realizado. Convidámosvos a gozar del visitando a exposición. Estará aberta ata o 9 de abril en horario de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas de luns a venres, e os sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00.

                                                                 

Post by pingota

Comments are closed.