Outono Ilustrado, o Ferrol da Ilustración para persoas maiores
Fomentar o envellecemento activo é un dos obxectivos do Concello de Ferrol. Con este fin organiza durante o ano diferentes actividades encamiñadas a conseguir que as persoas maiores compartan espazo e tempo de ocio e participen en iniciativas que contribúan a conseguir o seu benestar físico e mental. Despois dunha gratificante experiencia co proxecto “Ferrol Amodo”, Pingota Comunicación comeza a semana que vén un novo traballo para o Concello. Está dirixido, como o anterior, ás persoas maiores de 65 anos. Outono Ilustrado é un programa de visitas a diferentes bens que forman parte da candidatura a Patrimonio Mundial. A súa finalidade é afondar no seu coñecemento e gozar dun patrimonio no que moitas veces non reparamos.
Estas excursións gratuítas terán lugar durante os meses de setembro, outubro e novembro. Serán sempre en sábado, algunhas con desprazamento en autobús e outras a pé pero todas elas con percorridos pensados para maiores, de xeito que non sexan excesivamente esixentes.
Programa
Outono Ilustrado ten programadas as seguintes rutas:
-Castelo de San Felipe, a xoia da defensa costeira. O día 24 de setembro, con saída do autobús desde Correos ás 11.00 horas. O prazo de inscrición para participar abrirase o vindeiro luns, 12 de setembro.
– Arsenal Militar. O día 8 de outubro. Será en autobús, con paradas e diferentes puntos do percorrido polo interior desta marabilla da Ilustración aínda en activo coa mesma misión coa que foi concibida. A saída, como no caso anterior, ás 11.00 horas desde Correos e a inscrición abrirase o 26 de setembro.
-Barrio da Madalena, perfecta urbanización ilustrada. O día 22 de outubro, con saída ás 11 desde Correos e inscrición desde o 10 de outubro.
-Pazo de Capitanía Xeral. O 5 de novembro en dúas quendas, ás 10.30 e ás 12.00 horas. O punto de encontro será no exterior do edificio e o prazo para apuntarse abrirase o 24 de outubro.
-Cuartel de Dolores e Fontelonga. O 19 de novembro, ás 11.00 con punto de partida desde o exterior do edificio. As inscricións comezarán o 7 de novembro.
O número de prazas é limitado e as inscricións tramitarase a través do correo electrónico outonoilustrado@gmail.com ou do teléfono 631 683 070 (en horario de 10.00 a 14.00 de luns a venres).
Últimos artículos