Os nenos e nenas achéganse ao patrimonio ferrolán cos nosos obradoiros de Nadal

Desde hoxe, día 14, e ata o 29 de decembro organizaremos na carpa da praza de Armas diferentes obradoiros infantís co patrimonio ferrolán como tema común. Este encargo da Concellería de Patrimonio do Concello de Ferrol permítenos avanzar nunha das liñas de actividade profesional que abrimos hai xa tempo coa publicación da revista DeExcursión e que ten como obxectivo inculcar aos nenos e nenas o amor polo noso e o coñecemento do que teñen máis cerca.

Ao longo dos vindeiros días, os participantes nos talleres saberán moito máis sobre a súa cidade a través de diferentes actividades: coloreando algúns dos máis emblemáticos edificios modernistas do arquitecto Rodolfo Ucha; construíndo con pezas de Lego outros inmobles sobranceiros de Ferrol; practicando xogos como o Memory, o Quen é Quen ou o dominó adaptados á cidade ou coñecendo a algúns dos persoeiros ferroláns que fixeron historia.

Todas as actividades son gratuítas e están pensadas para nenos e nenas de 6 a 12 anos de idade, que pasarán un intre divertido ao tempo que aprenderán moitas cousas sobre a súa cidade. As inscricións pódense realizar a través do correo electrónico obradoirospatrimonio@gmail.com.

 Aquí vos deixamos o calendario:

Día 14. Obradoiros de pintura modernista (17.00 e 17.45h)

Día 22. Contacontos (17.00h))

Día 26. Pintura modernista (17.00 e 17.45h)

Día 27. Construción con pezas de Lego (17.00 e 18.00h)

Día 29. Xogos de mesa (17.00 e 17.45h)

 

Post by pingota

Comments are closed.