
Modernismo a toda cor, un libro para colorear Ferrol
O Modernismo é un dos sinais de identidade do barrio da Magdalena. O arquitecto Rodolfo Ucha foi o artífice dunha das peculiaridades do casco histórico de Ferrol, os seus edificios modernistas, cheos de balcóns, varandas, adornos vexetais e figuras xeométricas.
Os exemplos da súa obra proliferan en moitas rúas e son abondosos, pero moitas veces pasan desapercibidos non tanto para quen nos visita como para as persoas da propia cidade e a súa contorna.
Precisamente co obxectivo de familiarizar aos habitantes de Ferrol cunha arquitectura que chama atención de quen ven de fóra, a Concellería de Patrimonio -que dirixe Eva Martínez- encargou a Pingota Comunicación un elemento de difusión dirixido especialmente aos nenos e nenas: un libro de colorear que leva por título “Modernismo a toda cor”.
A publicación, dispoñible para os centros escolares no propio Concello, inclúe dez láminas do pintor Alberto Toval que recollen algunas das máis representativas construcións de Rodolfo Ucha, sempre con detalles que as fan máis atractivas para o público infantil.
Un gorila ou un pavo real, unha gaivota que tira dun carro con nenos, un globo aerostático ou unha banda de música acompañan edificios como as Casas Pereira I e II,o antigo Hotel Suízo, a Casa Romero, a capela da Mercé, a Casa Grande, o Casino, a Casa Antón ou o edificio de El Correo Gallego. E non faltan dúas das xoias do Modernismo, de titularidade municipal: o teatro Jofre e a nave da Peixería, á que se lle dedica a portada.
A iniciativa do Concello completouse co conto “Ucha, unha vida dedicada a embelecer a cidade”, que ademais de explicar a vida e obra do arquitecto ten un capítulo de actividades didácticas para os escolares.
Podedes consultar a nova publicada polo Concello aquí.
Últimos artículos