Ferrol en Ruta. Visitas ao patrimonio desde a zona rural

 

A difusión do patrimonio ferrolán é un dos ámbitos nos que traballamos intensamente dende o ano pasado. Agora facémolo con Ferrol en Ruta, un novo programa do Concello de Ferrol dirixido a coñecer elementos destacados deste patrimonio ligado á candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade por parte da veciñanza do rural de Ferrol.

En tres semanas do mes de marzo, as persoas residentes nas diferentes parroquias rurais poderán participar noutras tantas visitas guiadas pensadas para achegar aos ferroláns a unha parte da súa historia que é, ademais, un recurso turístico de primeiro nivel.

Programa

O programa de Ferrol en Ruta é o seguinte:

O 17 de marzo organizarase a primeira destas visitas, que inclúe a Porta do Dique, o Museo da Construción Naval e o Museo Naval. O autobús que recollerá aos participantes sairá ás 10:15 da cooperativa de Covas.

O día 24 terá lugar a excursión ao Arsenal Militar, con saída desde o centro de saúde de Serantes ás 10:15.

Finalmente, o 31 de marzo, o percorrido centrarase no Cuartel de Dolores e Fontelonga e será pola tarde, co autobús que sairá da praia de Outeiro-Doniños ás 16:15 horas.

Inscricións

As excursións, de carácter gratuíto, terán unha duración de entre hora e media e dúas horas e nelas os participantes recibirán explicacións sobre a historia e contido de todas estas instalacións por parte dunha guía turística de Ferrol Guías especializada no patrimonio ferrolán.

Para inscribirse o único requisito é estar empadroado no rural e o número de prazas está limitado a 40. O prazo ábrese o 1 de marzo en todas as asociacións veciñais do rural.

 

 

Post by pingota

Comments are closed.