A revista DeExcursión cumpre cinco anos

Os colexios e institutos da toda a provincia da Coruña están a recibir estes días un exemplar en papel de DeExcursión, unha publicación impulsada pola axencia Pingota Comunicación que cumpre cinco edicións. A revista, a todo cor e cun coidado deseño, recolle ano a ano un completo catálogo de propostas para realizar unha excursión con alumnado de diferentes niveis por Ferrol, Eume e Ortegal. Cada páxina ofrece suxerencias e información para o profesorado que ha de organizar as saídas. Indícase para que idades é máis adecuado cada destino, con que materias relaciónase aquilo que se vai a descubrir sobre o terreo, contactos útiles para programar a viaxe, recursos con información para preparalo…

Pingota Comunicación conta ano a ano co apoio dos concellos das tres comarcas, que promocionan a través da publicación a súa historia, o seu patrimonio natural ou artístico, a súa cultura, urbanismo, museos, carreiros… Todos os destinos teñen algo de didáctico e a aprendizaxe sobre o terreo é especialmente estimulante porque chega sempre cargado de emoción.

Os concellos de Ferrol, As Pontes, Cedeira, Fene, Neda, San Sadurniño, Moeche, Narón e Cariño colaboran neste quinto número da revista, no que tamén promocionan as súas propostas para as saídas escolares a Autoridade Portuaria de Ferrol, a Asociación de Veciños Valle de Esmelle e, tamén un ano máis, a Deputación da Coruña, que difunde a través da publicación os valores do Xeoparque Cabo Ortegal e das Fragas do Eume. A todas estas institucións e entidades agradecemos, desde Pingota Comunicación, a súa implicación neste proxecto.

Como nas catro anteriores edicións que se sucederon desde 2018 ata o de agora -coa única paréntese do ano 2021 pola pandemia-, reivindicamos o valor da revista DeExcursión para o turismo familiar. A publicación é un excelente inventario de ideas e propostas para deseñar saídas en grupo. Animámosvos a transitar polas páxinas DeExcursión en busca dun destino por descubrir. Seguro que o atoparedes!

A revista está dispoñible para a súa descarga neste link: pica aquí.

Post by pingota

Comments are closed.