DeExcursión, propostas para saídas escolares e para actividades en familia por Ferrolterra
A axencia Pingota Comunicación edita desde o ano 2016 a revista DeExcursión, unha publicación que reúne ideas e información para a organización de saídas didácticas polas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Sae ao comezo de cada curso e chega puntualmente aos centros educativos de toda a provincia da Coruña, así como aos da zona da Mariña Lucense, contando coa colaboración de diferentes concellos de outras institucións. Así, neste curso 2025/26 a publicación conta co apoio dos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, As Pontes de García Rodríguez, Monfero, San Sadurniño, Moeche e Cedeira, así como da Deputación da Coruña e a asociación Val de Esmelle.
O proxecto DeExcursión é tamén, ademais da revista, unha web e unhas redes sociais nas que ao longo do ano falamos dos destinos e publicamos puntualmente unha axenda de ocio familiar coas actividades para pequenos que se organizan en Ferrolterra. Podedes visitar a web aquí: https://www.deexcursion.net/ e descargar a revista completa, así como navegar polas novas e a axenda.
Tal como destacamos no editorial da revista, a viaxe é un estímulo per se, unha ocasión para pasalo ben cos compañeiros e compañeiras, pero tamén un recurso poderoso no proceso de aprendizaxe. Nas páxinas de DeExcursión poderedes atopar un completo catálogo de espazos naturais, museos, enclaves históricos e todo un amplo conxunto de destinos dentro das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal moi acaídos para iso. De seguro que o profesorado atopa recursos para apoiar o traballo que fai no interior da aula, ben sexa nunha saída dunha mañá ou dunha xornada, ou ben a través de convivencias máis longas. Son, tamén, excelentes suxestións para unha xornada en familia.


Últimos artículos